Coordinadores: Alfredo Hidalgo Lavié y Jacqueline Tobiass
Editorial: Netbiblo (A Coruña)
A editorial coruñesa Netbiblo ven de editar un interesante libro de autoría colectiva, no que se fai unha ampla radiografía do Estado de Israel, desde a súa independencia até a entronización de Tel Aviv como cidade modernísima e refuxio privilexiado dos colectivos de gais e lesbianas. A publicación, na que interveñen dezaoito autores españois e israelís na súa maioría, aproveitou o aniversario dos 25 anos do establecemento de relacións diplomáticas entre Madrid e Jerusalém, para ofrecer aos lectores hispanofalantes unha visión caleidoscópica de Israel, practicamente imposíbel de obter a través das sesgadas imaxes que a diario difunden os medios de comunicación.
O volume, escrito de forma amena e rigorosa por investigadores, docentes universitarios, xornalistas, arquitectos ou diplomáticos como Alejandro Baer, José Antonio Lisbona, Natan Lerner, Herzl Inbar, Pilar Rahola, Rosa Moro, Esther Bendahan ou Horacio Vázquez Rial, aborda a antigüidade bíblica, os balbuceos do Estado ou a Shoáh, pero tamén analiza as institucións democráticas do país, o seu pluralismos social e multicultural, a súa implicación exemplar na cooperación internacional, o seu rechamante -por elevadísimo- desenvolvemento técnico e científico, ou as súas achegas arquitectónicas e culturais.
Un traballo colectivo, en suma, cuxa lectura é máis que recomendabel.













