sábado, 27 de fevereiro de 2010
quarta-feira, 3 de fevereiro de 2010
Pensad que esto ha sucedido. Grupo Eleuterio Quintanilla

Revista Galega de educación - Núm. 44 • xuño 2009
http://www.equintanilla.com/documentos/revistagalega.zip
.
O Grupo Eleuterio Quintanilla está composto por docentes dos diversos niveis da ensinanza pública e leva máis dunha década traballando, entre outros aspectos, na análise e elaboración de materiais curriculares a prol da aceptación da diversidade e o rexeitamento de calquera discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión ou outra condición ou circunstancia persoal ou social. Nesta mesma liña se sitúa a nova publicación do Grupo, a través da cal os seus autores pretenden, na medida do posible, contribuír ao estudo do Holocausto dende a escola. Neste sentido, debemos ter en conta que a contribución da pedagoxía ao estudo das causas e consecuencias do nazismo foi máis ben escasa e, unicamente, dende a Educación para a Paz se teñen realizado algúns traballos con tal finalidade. “A necesidade e importancia da temática abordada neste libro”, con estas palabras comeza o recentemente falecido Suso Jares o prólogo deste libro facendo referencia á escasa relevancia que ata o momento se lle ten outorgado a esta temática. Un libro que, como os propios autores sinalan, ten sentido pola escasa cultura que existe no noso país sobre un dos acontecementos centrais da Europa do século XX e vixente aínda nos nosos días.
.
Lembremos, por exemplo, as continuas invitacións dos medios audiovisuais a revivir aquela tremenda realidade. O Holocausto, retomando novamente palabras dos autores, constitúe unha gran oportunidade para que dende as escolas os docentes poidan traballar na construción da cidadanía, unha cuestión que coa aprobación da LOE (máis aló dos debates políticos que neste sentido se teñan xerado) se ten convertido nunha das prioridades do sistema educativo do noso país. Atendendo á organización da obra, o primeiro aspecto que debemos subliñar é que se compón de tres capítulos claramente estruturados, o cal facilita enormemente a súa lectura e manexo. No primeiro deles, recóllense os aspectos clave dunha investigación que conta con dúas partes diferenciadas pero ao mesmo tempo complementarias. Por un lado, realízase unha análise dos libros de texto máis habituais nas nosas escolas nos niveis de 4º de ESO e 1º de Bacharelato e naquelas materias que acostuman a recoller aspectos relacionados co Holocausto, quedando a mostra final en 42 manuais. A segunda parte da investigación ten como principal propósito analizar o nivel de coñecementos e actitudes dos estudantes dos niveis referidos, así como avaliar as fontes do dito coñecemento.
.
O segundo capítulo ten a súa orixe nos resultados da investigación realizada. Tanto a análise dos manuais escolares como os coñecementos e opinións dos alumnos implicados no estudo levado a cabo, nos invitan a reflexionar sobre a perspectiva que ata o momento dirixiu o tratamento deste acontecemento nas escolas. Os autores presentan unha interesante proposta didáctica con numerosas orientacións metodolóxicas para o estudo do Holocausto dende a escola. O capítulo terceiro, é dicir, o que pecha o libro, enriquece en alto grao a proposta didáctica dos autores. Nel recóllese unha magnífica selección de recursos, agrupados en función do seu formato (libros, vídeos,...) ou temática (arte, música...), que será de gran utilidade para o profesorado. Se ben son moitos os aspectos a destacar desta publicación, non queremos deixar de reiterar a súa relevancia nun momento histórico no que é clara a necesidade de inverter maiores esforzos na formación de futuros cidadáns, sobre todo no que ten que ver cos valores e principios propios dunha sociedade democrática. Trátase, en definitiva, de incrementar o capital cívico do alumnado. No entanto, atopámonos con que boa parte do profesorado, elemento clave no proceso, encontra numerosas dificultades para afrontar os novos desafíos que a sociedade actual lle ten encomendado. Tal e como se ten posto de manifesto en diversas investigacións realizadas sobre esta cuestión, a falta de formación e recursos son dous dos principias obstáculos que impiden, ou polo menos limitan, o seu quefacer profesional. Por todo o dito, consideramos que os docentes atoparán nesta publicación resposta a moitos dos atrancos que poidan xurdir no camiño, ao tempo que, desexamos, sirva de referente para a elaboración de manuais de similares características.
domingo, 24 de janeiro de 2010
Aquellos hombres grises. De Cristopher R. Browning

432 páxinas
Isbn: 84-350-2636-1
«A mellor e máis impresionante contribución á historia do Holocausto» Newsweek
Nos últimos anos, a bibliografía acerca da Segunda Guerra Mundial e o Holocausto non deixou de crecer, probablemente porque ao facer balance do século xx cobraron un relevo e unha importancia crucial. Con todo, si a presente obra de Browning sorprendeu a propios e estraños, e provocou unha intensa polémica, é polo peculiar enfoque con que aborda os asasinatos masivos de xudeus que arrasaron Polonia entre xullo de 1942 e novembro de 1943, cando 39.000 xudeus foron executados e outros 44.000 foron deportados a Treblinka. Naqueles homes grises, Browning enfróntase a unha pregunta tan estremecedora como interesante: Como foi posible que unha unidade formada por profesionais alemáns de clase media, o Batallón 101, se convertese nun grupo de asasinos desapiadados capaces de semellante atrocidade? Mediante a minuciosa reconstrución da historia deses homes grises e dos interrogatorios a que foron sometidos douscentos deles na década de 1960, Browning ofrécenos máis temas de reflexión sobre o ser humano que respostas categóricas.
Amos de la muerte. De Richard Rhodes

Amos de la muerte
Colección: Fóra de colección
Xénero: Historia
480 págs.
PVP: 19,00 euros
ISBN: 84-322-9621-X
Os Einsatzgruppen foron pelotóns de exterminio formados pola Policía de Seguridade e as SS, que asasinaron a miles de xudeus a comezos da Segunda Guerra Mundial. Segundo explica Rhodes: «A matanza sistemática e metodolóxica dos xudeus en áreas rurais do Leste apenas foi examinada pola literatura do Holocausto, probablemente porque o Telón de Aceiro bloqueou o acceso á documentación durante case cincuenta anos.» Con información do Tribunal de Nuremberg ignorada até agora, Rhodes trazou a descoñecida e tráxica historia da primeira fase da Solución Final, como os nazis bautizaron a súa devastadora misión. O resultado é arrepiante, sobre todo polo que revela acerca da capacidade humana de destrución, a emoción patolóxica da maldade extrema, debuxada no relato non só a través de testemuños de sobreviventes e entrevistas, senón tamén grazas, precisamente, ao delirio nazi polo detalle estatístico. Rhodes -gañador do Pulitzer por The Making of the Atomic Bomb- céntrase así non só na experiencia das vítimas, senón tamén nos métodos e personalidades dos asasinos, demostrando como o asasinato individualizado conduciu ao asasinato industrializado, entre outras razóns cando o grao de brutalidade das SS alcanzou tal intensidade que Himmler viuse forzado a construír hospitais mentais e de descanso para aqueles de entre os seus que resultaban ser demasiado débiles, pero tamén a pór en práctica métodos menos persoais de exterminio: as famosas cámaras de gas e os fornos crematorios da segunda fase do Holocausto.
Richard Rhodes naceu en Kansas City en 1937. É autor de dezanove libros. Con The Making of the Atomic Bomb gañou o Premio Pulitzer, o Premio National Book Award e o Premio National Book Critics Circle Award. Foi bolseiro polas fundacións Guggenheim, Ford, MacArthur, Alfred P. Sloan e polo National Endowment for the Arts, e dita frecuentemente conferencias en universidades e ante audiencias de profesionais.
sábado, 9 de janeiro de 2010
El Tercer Reich y los judíos (1933-1939) Los años de persecución / El Tercer Reich y los judíos (1939-1945) Los años del exterminio. Saul Friedlander
Saul Friedländer
Traducción de Ana Herrera
Galaxia Gutenberg / Círculo de Lectores
Barcelona, 2009.
29 e 39 euros
As respostas atópanse nestes dous tomos imprescindíbeis (publicados en inglés en 1997 e 2007), cos que Friedländer amplía a obra de prestixiosos historiadores do Holocausto, como Poliakov ou Hilberg. Toda a inusitada crueldade do acontecido recólleo esta obra: desde o ascenso de Hitler ao poder e o inicio da segregación racial dos xudeus alemáns até o desenlace final: o case absoluto exterminio da "raza maldita" en Europa, non só nos "campos da morte", senón tamén nos masivos pogroms auspiciados polos nazis e perpetrados, a miúdo con entusiasmo, por certos sectores da poboación local de países tales como Polonia, Ucraína, Lituania ou Rumania.
O primeiro volume describe os primeiros anos da humillación colectiva dos cidadáns xudeus no Terceiro Reich, cando o Estado racista de Hitler condenou á miseria a miles de familias xudías que, esquilmadas de todas as formas posibles, terminan por vagar de fronteira en fronteira nunha Europa cuxos países máis poderosos (tamén Inglaterra e Suíza) pecharon as súas portas aos inmigrantes estranxeiros. Friedländer narra os pasos do macabro proceso alemán de acoso ao xudeu: desde a promulgación das leis raciais de Núremberg até a Kristallnacht, o primeiro pogrom serio no que arderon sinagogas, miles de negocios xudeus foron esnaquizados e preto de cen cidadáns alemans da "raza impura" morreron "axustizados" polo "pobo" inflamado de "xusta ira" pola morte dun xerifalte nazi en París, tiroteado por un mozo xudeu desesperado. O libro termina cunha soada reunión de xerarcas nazis na que, animados polo seu odio racial, tiveron o inxenio dabondo para ditar leis antixudías cada vez máis aldraxantes; tanto se ensañaron que o orondo ministro Göring observou: "Non me gustaría ser xudeu en Alemaña".
O segundo tomo (Premio Pulitzer 2008) detalla o desenvolvemento do exterminio fáctico, explícito en media Europa, dando voz a vítimas e verdugos: os diarios de particulares, entre eles os máis coñecidos de Viktor Klemperer, Anna Frank ou Mijaíl Sebastian, achegan sentimentos e reaccións; recrean con viveza un marco de horror sen precedentes. A narración das execucións perpetradas polos Einsatzgruppen en Europa do Leste enche ao lector de indignación e repugnancia, tanta como os recordos dos campos de exterminio: as viaxes infernais nos vagóns de gando, a selección, as enganosas duchas, os corpos espidos amoreados; todo iso, tinxido do atroz sufrimento das vítimas e a anormal ponzoña sádica dos asasinos. Recordos que, reunidos aquí, constitúen unha verdadeira enciclopedia do horror criminal, testemuño do proceder antihumano do que é quen o home.
Á parte de plasmar os crus feitos da humillación e o asasinato masivo, Friedländer describe a atmosfera social e política reinante naquela Europa do Holocausto, cando varios países abrazaban o fascismo. Dos crimes en si foron culpábeis os nazis e demais matarifes colaboradores, por suposto, pero debe terse en conta que a traxedia achou un fértil caldo de cultivo no odio ancestral aos xudeus, dominante nunha Europa que desde facía pouco menos de dous séculos aceptaba a súa emancipación. Atenazada polo medo ao bolchevismo, decepcionada do liberalismo, sometida á demagoxia das dereitas radicais, viu con indiferenza a persecución e o acoso dos seus cidadáns xudeus. Friedländer é claro: a maioría dos alemáns primeiro e dos europeos despois mirou cara a outro lado mentres se xestaba o xenocidio. As reaccións chegaron moi tarde. Unha Europa toupeira e semidormida, domeñada por unha tradición cristiá moxigata e cega que até aceptaba a idea dunha "conspiración xudía internacional", favoreceu a psicose colectiva que afectou en diversos graos ao máis culto dos continentes, revelando a ferocidade dos seus demos interiores; poucas nacións de Europa salváronse de levar sobre a súa conciencia sangre xudía derramada.
terça-feira, 8 de dezembro de 2009
"Nunca Korczak llegó a Jerusalém". De Jaime Vandor

terça-feira, 24 de novembro de 2009
Voda en Auschwitz. De Erich Hackl

Voda en Auschwitz narra a historia do austriaco Rudi Friemel e a catalana Marga Ferrer que se coñecenron na Guerra Civil española, separáronse en numerosas ocasións polos acontecementos e, finalmente, conseguiron legalizar a súa situación nunhas condicións aparentemente imposibles: Rudi estaba recluído no campo de concentración de Auschwitz desde 1942 e, en 1944, Marga obtén permiso para unha visita dun día co obxecto de celebrar a cerimonia de matrimonio. Fóra un momento de debilidade e humanidade ou un acto de cruel cinismo por parte do réxime nazi, o certo é que esta historia non é un mero relato real de vodas e cerimonias, senón que marca un punto de inflexión nun dos campos de exterminio máis duros da Segunda Guerra Mundial. Unha historia que penetra nas reviravoltas do amor e da esperanza pero sobre todo, nos límites da resistencia do ser humano.
Podes descargar o libro en pdf na seguinte ligazón:



