sábado, 20 de setembro de 2008

LAS OLIVAS NEGRAS. De Joann Sfar



LAS OLIVAS NEGRAS
Volumes 1,2 e 3
Joann Sfar
Edicións Kraken
18 Euros
48 páxinas
Por fin apareceu publicada pola editorial Kraken o terceiro volume de Las Olivas Negras. Obra do prolífico Joann Sfar cuxa cabeza semella rebosante de historias, e que así sexa por moito tempo. Nesta ocasión acompáñalle aos lapis o gran Emmanuel Guibert. As olivas negras é o primeiro de tres álbums recentemente editado no noso país por Edicións Kraken. Sfar, na súa extensa produción, toca multitude de paus en canto a xénero e estilo. Unha das actividades coas que o lector ve que o autor goza, é cando Sfar utiliza as páxinas dos seus cómics para reflexionar, para debater consigo mesmo, pero non sempre desde a instropección senón desde o paradoxo ou incomprensión observada desde o exterior mediante personaxes que poden, pola súa situación ou condición, abstraerse da socialización. Neste tipo de historias, como pode ser o caso do gato do rabino ou de Sócrates o semi-can, Sfar sérvese de animais para achegar unha visión crítica e distinta de relixións, mitoloxías e o comportamento humano introducindonos con acerto na temática e convidándonos á reflexión.
Nas olivas negras Sfar cóntanos a historia de Gamaliel e o seu pai, xudeus que emprenden unha viaxe a Xerusalén para ofrecer un sacrificio en honra ao aniversario da morte da nai do raparigo. Cando un comeza a lectura do álbum deseguido pensa que está ante outra obra de reflexión sobre o xudaísmo por parte de Sfar, utilizando nestá ocasión a visión dun neno para expor dúbidas sobre certos aspectos da súa fé. Durante o primeiro terzo da obra esa idea vaise afianzando e un vai sendo espectador dos paradoxos existentes na época entre a doutrina da fé e as normas, e o divorcio que iso supón. Pero ao avanzar a historia devandita idea vaise desvanecendo xa que os acontecementos evolucionan e a temática comeza a tomar un cariz aventureiro, onde Galamiel verase separado do seu pai e onde aires de revolución empezarán a soar pola cidade de Xerusalén. Sfar realiza así un gran traballo neste primeiro álbum, dándonos unha boa ración das súas habituais inquietudes e á vez acción, aproveitando moi ben as 48 páxinas para sentar unha base moi sólida sobre a que desenvolver a súa historia. No apartado gráfico, Emmanuel Guibert realiza un magnífico traballo. Dá gusto ser testemuñas de como co seu trazo sinxelo e elegante consegue dotar aos personaxes dunha gran expresividade e personalidade. Utiliza unha composición fixa de 3 x 2 viñetas a cal sabe aproveitar para conseguir unha narración fluída e acertada salvando con nota as escenas de acción. Sen dúbida, unha recomendábel lectura que serve para sentar de maneira máis que acertada as bases para o desenvolvemento nos seguintes álbums e na cal podemos gozar de varios dos aspectos que tanto nos gustan (a algúns) dese monstro do cómic que é Sfar. A obra está correctamente editada por Edicións Kraken, a cal esperamos que siga apostando por obras de contrastada calidade do cómic francés como neste caso.