domingo, 20 de fevereiro de 2011

La derecha española y los judíos. Antisemitismo y oportunismo.

La derecha española y los judíos.
Antisemitismo y oportunismo
De Isabelle Rohr
Edita PUV
Ano 2010
241 páx.
22 euros
.
Non se trata de volver discutir se Franco fixo moito polos xudeus ou puido facer moito máis durante a Segunda Guerra Mundial. Tampouco se o antixudaísmo tradicional español terminou predominando sobre o filosefardismo que o lobby colonial, co conde de Romanones á cabeza, usou con intereses económicos para internarse en Marrocos. O que distingue este ensaio, entre a abundante literatura que vén escribindo acerca dos xudeus na España contemporánea, é a procura dunha explicación integral do antisemitismo español do século XX como problema histórico no que se cruzan vellos e novos mitos sobre o pobo xudeu, fortemente arraigados na conciencia nacional española, coa necesidade de definir unha estratexia internacional para un país como España que saía humillado da profunda crise do 98 e cuxa actitude cara ao colectivo xudeu podía ser unha baza importante no seu encaixe na nova orde internacional.
.
A elección do longo ciclo histórico que vai da perda de Cuba á liquidación da guerra mundial permite atopar continuidades na postura oficial de España diante do que xa se coñecía como "cuestión xudaica". É coherente coa propia divulgación dunha vigorosa literatura antisemita que, incubada en Rusia e Alemaña, atopa caloroso eco no clero integrista e a dereita tradicionalista española que nos anos vinte incorpora o mito da conspiración mundial xudía (a primeira edición española dos Protocolos dos Sabios de Sión é de 1927, cando xa se demostrou a falsidade da montaxe creada por axentes da policía secreta rusa), asimilándoo ao vello arsenal dos prexuízos do catolicismo español sobre o pobo deicida. E, sobre todo, reserva a Acción Española, partido integrista católico (émulo da Action Française dirixida polo antidreyfusista Charles Maurras) un papel crucial, aínda non suficientemente valorado, como axente histórico que acrisolando os vellos estereotipos cos argumentos neodarwinistas puxo en marcha o que a autora bautiza como "antisemitismo antirrepublicano" (capítulo II da obra) que estendeu a especie de que unha maquinación xudía internacional, consentida e alentada polo goberno republicano, ameazaba coa orde mundial.
.
Os últimos dous capítulos da obra, dedicados a examinar a complexa posición das autoridades españolas sobre os xudeus españois, e sobre os exiliados, durante a Guerra Mundial, son a lóxica desembocadura dos presupostos anteriores. Antisemitismo e francofobia acompañaron, como é sabido, a atmosfera de xermanofilia dos primeiros anos da contenda; mentres que o réxime franquista quixo explotar a imaxe dunha España receptora de refuxiados cando era evidente o triunfo dos Aliados. A estas ideas aceptadas, Isabelle Rohr incorpora un detido exame dos discursos que cortexaron e impugnaron a voz oficial do réxime e que conectan cos vellos mitos que viñan de atrás. Así se explica o rebrote do filosefardismo nos primeiros anos da guerra, actitude que a autora asocia á vella aspiración española de consolidar un imperio no Mediterráneo occidental, empeño para o que sería esencial contar co apoio dos 15.000 xudeus que vivían no protectorado español de Marrocos. E ao contrario: o redescubrimento, en plena etapa de reconciliación cos americanos, dun discurso claramente antisemita, de dimensións escatolóxicas, que substituía ao comunismo polo capital como novo instrumento dunha rediviva conspiración anglo-americano-xudía por dominar o mundo. Deste xeito, o africanismo que freou o novo antisemitismo racial, non puido apagar o vello prexuízo do tradicionalismo católico que sinalaba aos xudeus como o pobo traidor e sen escrúpulos morais que terminaría destruíndo a civilización cristiá sen importarlle a alianza co comunismo ou co capitalismo, no fondo, dúas horrendas deformidades que procreou a modernidade.