domingo, 2 de novembro de 2008

LOS ORÍGENES DEL TOTALITARISMO. De Hannah Arendt


Los origenes del totalitarismo
Hannah Arendt
Ensaio
624 páxinas
Taurus
Prezo 31,40 euros

Hannah Arendt deixou unha inxente obra filosófica e estudou o Holocausto como só unha muller excepcional, cunha enorme capacidade de análise, ademais de xudía, podía facelo. O fenómeno nazi foi diseccionado pola súa pluma e así o contou ao longo da súa obra, demostrando con iso a banalidade do mal. Recomendado para mentes dispostas a engulir e procesar conceptos. A clave: Como a cuestión xudía, aparentemente intranscendente, desembocou na creación do movemento nazi, a guerra mundial e o exterminio. O mellor: Os capítulos referidos ao antisemitismo e ao antiimperialismo. Un dos legados máis importantes que deixou Arendt á humanidade foi desvelar a orixe do nazismo, os seus antecedentes e por que desembocou nunha orxía de morte. A escritora e pensadora estudou na universidade de Heidelberg e se doutorou en filosofía baixo a dirección de Karl Jaspers cunha tese sobre o amor en San Agostiño. Alí, naquel campus, coñeceu ao controvertido autor de Ser e tempo, Martin Heidegger, de quen foi discípula e amante. Este insigne profesor é un dos filósofos máis influintes do século XX, foi militante convencido do nacionalsocialismo e tivo unha natureza mesquiña que deixou patente, entre outras, na relación co seu mentor, Husserl. Hannah tivo que fuxir de Alemaña coa ascensión do nazismo; marchou exiliada a Francia onde coñeceu a Walter Benjamin, pero o exército alemán ocupou o país e novamente tivo que fuxir, esta vez aos Estados Unidos. Para entón xa definira o mal moderno como a imposibilidade dos individuos para representarse mentalmente a consecuencia dos seus actos, referíndose aos criminais de guerra. A pesar das radicais diferenzas ideolóxicas, a súa relación con Heidegger desde os anos vinte mantívose no tempo, tanto intelectual como sentimentalmente. O profesor considerouna sempre a paixón da súa vida, aínda que estaba casado. Ambos se influíron mutuamente a pesar de que, co nazismo no poder, militaron en bandos opostos pois Heidegger pronto manifestou un acusado antisemitismo. Durante uns anos mantivéronse separados e retomaron a relación en 1950, até a morte de Hannah, que se casou en 1929 con Günter Anders, tamén discípulo de Heidegger e colaborador de Bertold Brecht. En 1936 divorciáronse. Arendt obtivo fama internacional anos máis tarde cando escribiu unha reportaxe para o semanario norteamericano The New Yorker sobre o xuízo en Xerusalén do criminal Heichmann, tenente coronel das SS e un dos máximos responsables da Solución Final, é dicir, o exterminio xudeu.