quinta-feira, 19 de março de 2009

Fume. De Antón Fortes


Fume
Autor: Antón Fortes Torres
Ilustración. Concejo, Joanna
Ano de Publicación. 2008
Editorial. OQO
Coleccion. Qontextos
Número de pax. 40
ISBN. 978-84-9871-058-8
.
Conta unha voz infantil que un día sobe ao tren co pai, a nai e outra moita xente, en fila, en silencio, vixiados por soldados. Ao chegar, sepáranos: el vai coa nai para a casa 48. Dormen abrazados en vellas liteiras de madeira. Á hora do reconto, están moito tempo ao frío e á neve. Pero non chora, porque levaron ao neno que choriqueaba pola noite e desde entón a nai non para de gritar. A súa nai está triste, aínda que se alegra o día que ve ao pai alén do aramado. Cando el se queima nunha estufa, cambian a comida por pomada para a postilla. Axuda a carrexar auga para a cociña, onde regálanlle patacas crúas; come unha e a outra levalla á nai. As mamás ocultan aos nenos fracos ou enfermos como o seu amigo Vadío, pois a eses lévanos para a casa da cheminea... Soña con dragóns verdes que o queren devorar cando os gardas pegan coa culata do fusil ou colgan a persoas no patio. Bota de menos o seu cuarto azul, o xardín onde xogaba co seu pai... pero non o di, non quere aumentar a tristeza da súa nai. Ate que un día ten que ir para a casa da cheminea, que cheira a fume. Segundo a nai, os nenos que entran nela van para o ceo. Mándano duchar. Pechan a porta. Non se ve case nada. Agarra a man de Vadío, o seu único amigo... O patetismo da historia complétase coa forza expresiva das ilustracións sen colorido, como berros visuais metafóricos cun poderoso sentido da composición.
.
"Soño cun dragón verde de lingua negra que me quere papar. As casas tamén son verdes, como a herba do noso xardín con bambán, onde antes xogabamos ao balón papá e eu. Bótoo moito de menos. Mamá dime que pronto nos irnos reunir".
.
Tanto como os campos de concentración -co que implican de fame, frío, enfermidade, violencia e morse-, interesa aquí un deses mundos persoais e familiares que o nazismo destruíu, e que é do pouco que ten cor fronte ao gris ferinte e o silencio. Separación, soidade e saudade están omnipresentes; a lembranza exuda a fuxir do illamento e o desarraigo, e dá paso -no inhóspito do campo (lager)- ao amor, a amizade e a solidariedade: á humanidade, a fin de cantas. Se toda violencia está inxustificada, a que remata coa inocencia aínda máis; contra dela, no proceso de maduración do protagonista, asistimos a un compromiso ata a fusión con Vadío (único personaxe con nome e etnia), que representa o recoñecemento no outro na catarse final. O protagonista anónimo de Fume descobre a realidade, pero críbaa coa memoria dun pasado mellor. O espertar magóao e levao a unha aprendizaxe rápida: a dureza e dificultade da situación, e o instinto de supervivencia obrígano a ser un neno responsábel. A inocencia, máis que a impotencia, marca o desenlace. Os inocentes non sobreviven, dicía Primo Levi; é o prezo por ver a luz: a man de Vadío borrando para sempre o ruedo e escribindo con fume unha palabra máxica sobre o ceo de Polonia. Unha conmovedora historia de Antón Fortes cunhas intensas imaxes da debuxante polaca Joanna Concejo, de grande sensibilidade e fermosura, pese a reflectir a realidade do protagonista, que se tal máis dura ao enfrontala recorrentemente con lembranzas da vida de ande foi e foron todos brutalmente arrincados.
Presentación editorial: LER AQUI