Apuntamentos de Jakob Littner desde un burato no chan
De Wolfgang Koeppen
Tradución do alemán de Eva Almazán
126 páxinas
ISBN 978-84-92866-23-6
Prezo: 14 €
Idioma: galego
.
.
Wolfgang Koeppen (1905-1996) é unha figura clave da literatura alemá da posguerra. Na súa accidentada traxectoria vital foi crítico cultural, xornalista, actor afeccionado, aspirante a libreiro, novelista, guionista de cine e autor de libros de viaxes, mais na historia da literatura recordarase pola súa maxistral Trilogie des Scheiterns (Triloxía do fracaso), unha análise crítica da Alemaña que xurdía das cinsas da guerra. Dan fe da súa calidade artística unha ducia de premios literarios –entre eles o Georg Büchner, o máis prestixioso ao que pode aspirar un autor xermanófono, recibido en 1962–, a unánime estimanza da crítica –Reich-Ranicki considera Tauben im Gras (Pombas na herba) a mellor novela alemá da xeración literaria da posguerra– e a admiración do estamento literario –Günter Grass identificouno no seu día como o mellor autor alemán vivo–.
Os Apuntamentos de Jakob Littner desde un burato no chan viron a luz en 1948, o que fai da obra unha das primeiras memorias literarias do Holocausto. Tamén resultou ser unha das máis polémicas: orixinalmente presentouse como un texto orixinal de Koeppen, baseado nas reminiscencias que o protagonista, Jakob Littner, supostamente compartira en conversa co editor; anos despois, a raíz da reedición da obra (para entón esquecida), quedou demostrado que Koeppen traballara sobre un manuscrito do propio Littner, que o editor xulgara interesante no contido e deficiente na forma. Sexa como for, os Apuntamentos constitúen un relato poderosísimo da desgraza e salvación dun home que na noite do 9 de novembro de 1938 deixa de ser un reputado filatelista muniqués de vida acomodada para se converter nun xudeu polaco deportado e perseguido pola que sempre considerou a súa patria. Cun estilo sobrio e enganosamente obxectivo nárrase a espiral de horror que conclúe con Littner agochado nun burato no chan grazas á intervención dun aristócrata polaco máis premido pola falta de diñeiro ca polas conviccións nazis.
http://www.rinoceronte.es/catalogo/contemporanea/cont032.htm
http://www.rinoceronte.es/catalogo/contemporanea/cont032.htm