.
Faro de Vigo - 19.09.09
Unha reseña de Julio Antonio Vaquero Iglesias
.
O historiador asturiano, Enrique Moradiellos, fixo un paréntese nas súas habituais investigacións sobre a guerra civil española e sobre a metodoloxía histórica para ofrecernos neste o seu último libro unha excelente síntese informativa e divulgativa sobre o Holocausto e os seus antecedentes. A súa finalidade foi explicitamente pedagóxica. Moradiellos fai súa a afirmación do historiador francés F.Furet de que só desde unha información histórica veraz e unha lembranza non partidaria do Holocausto, poderase evitar a súa reprodución. Isto é: a tese clásica que Primo Levi recollía na súa expresiva admonición: "Se o mundo chegase a convencerse que Auschwitz nunca existiu, sería moito máis fácil edificar un segundo Auschwitz. E non hai garantías de que esta vez devorase só aos xudeus".
.
Para iso o autor procedeu comezando polo final. Primeiro, analiza, a través dun soberbio despregamento bibliográfico, a natureza e a singularidade do Holocausto e todas as fases do proceso da política antisemita levada a cabo polo Terceiro Reich que, a partir da invasión da Unión Soviética pola Wehrmacht en 1941, conduciron a política de eliminación definitiva do pobo xudeu nos campos de exterminio, a eufemísticamente denominada "solución final". Para despois levar a cabo un brillante percorrido dos antecedentes do "odio máis antigo", cunha brillante disección da historia da xudeofobía na Antigüidade clásica e na Idades Media e Moderna até o antisemitismo que se difunde no século XIX por Alemaña e grande parte de Europa. E faino desde a constatación historiográfica do salto cualitativo que o antisemitismo racista do XIX supuxo fronte a xenofobia antixudea anterior. Mentres esta última fundamentouse en prexuízos relixiosos e culturais que non presupuñan, a pesar da discriminación e os progroms, a imposibilidade da integración da minoría xudía a través da asimilación e a conversión, o antisemitismo do século XIX e XX, ao contrario, baseouse nun cientificismo biolóxico reduccionista de inspiracións hereditarias, era cualitativamente unha raza inferior coas súas capacidades intelectuais e morais degradadas, pero que se opuña á hexemonía da raza superior alemá.
.
Ese racismo biolóxico reinventou e difundiu ao longo do século XIX un novo estereotipo fisonómico do xudeu, mestura dos vellos mitos da xudeofobía clásica cos do novo racismo: o do xudeu errante, de nariz ganchuda, mentón prominente, mirada furtiva e cheiro desagradable. á vez que actualizou o vello mito medieval do contubernio xudeu con Satán convertido agora no complot xudeomasónico, ao que tantas veces fixo alusión o ditador español. Este novo antisemitismo radical está en relación cos cambios ideolóxicos e económico-sociais da Modernidade. A ideoloxía liberal supuxo a emancipación legal de resentimento daqueles grupos urbanos e rurais que se viron prexudicados polo profundo cambio histórico que achegaba a implantación do novo sistema industrial. Desde eses sectores sociais os xudeus foron agora percibidos non xa como os negadores da divindade de Xesuscristo e os causantes da súa crucifixión, senón como os axentes e beneficiarios dun sistema económico que dificultaba o seu modo de vida tradicional e era prexudicial para os seus intereses económicos.
.
E esa estendida percepción creou o caldo de cultivo idóneo para a extensión entre amplas capas dese antisemitismo moderno que culminou no xenocidio industrial planificado polos nazis. Ésa é a secuencia histórica que explica o Holocausto. A súa motivación, como demostra Moradiellos apoiándose nunha solvente e abundante bibliografía, foi, pois, esencialmente ideolóxica e non o resultado de razóns estratéxicas militares ou políticas. Como tampouco, un plan diabólico levado a cabo por unha minoría de nazis fanáticos e tolos ás costas do pobo alemán, senón coa compracencia de moi amplos sectores da poboación alemá e europea infectados por aquel antisemitismo racista precedente que contaminou mesmo até as Igrexas. Antisemitismo que alcanzou a súa expresión xenocida no propicio contexto da "guerra total" que desatou a invasión da Unión Soviética polos nazis. Sen dúbida, nos tempos que vivimos, libros como este deberían ser de lectura obrigatoria para os estudantes dos últimos cursos de secundaria, pero tamén de meditada reflexión para toda clase de lectores.