182 páxinas
ISBN 978-84-92866-21-2
16 €
Edita: Rinoceronte editora
Etgar Keret ( Tel Aviv, 1967) é un dos escritores máis populares entre a mocidade de Israel. Combina a escritura co seu traballo de profesor no departamento de Cine da Universidade de Tel Aviv e a dirección cinematográfica. A súa obra literaria traduciuse a dezaseis linguas e filmáronse máis de corenta curtametraxes baseadas nas súas historias. É descrito como a voz hippy e posmoderna da sociedade israelí contemporánea, un pobo no que xentes da mesma idade poden ser soldados, relixiosos ultraortodoxos, árabes-israelís ou inmigrantes que acaban de chegar. Os seus escritos son unha porta aberta ao diálogo con todos eses grupos tan diferentes, e quizais esa sexa a base dun éxito que logrou impoñerse a autores consagrados mundialmente como Amos Oz ou A. B. Yeoshua. Porén, Etgar Keret foi acusado de contribuír a que os mozos israelís empreguen unha linguaxe pobre e chea de referencias á violencia e ao sexo, ademais de ser cualificado de antisemita no Parlamento do seu país.
O anxo sempre levaba posta unha gabardina para que non se lle visen as ás. No cemiterio, os rapaces tirábanlles pelotas de tenis ás lápidas: se lle daban á tumba dun oficial era punto para eles, se lle daban á dun recruta, o punto era para o cemiterio. Un mago repasa a súa listaxe de trucos antes de saír a escena. Logo, no autobús, coincide con alguén que viaxa cun coitelo tan grande que ocupa dous asentos.
Un mesmo ruído de fondo entrelaza este conxunto de relatos de Etgar Keret. Está formado polo estalo de multitude de pesadelos que se confunden coa realidade. Os soños protectores atenúan tanto barullo, mais as vidas dos protagonistas só conseguen evadirse das hostilidades do día a día durante o breve escintileo que se produce no intre do espertar.