Este libro marabilloso, "A HISTORIA DE ERIKA", e con el a editorial Kalandraka, conmemorou o aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz. A historia, ilustrada esplendorosamente, foille narrada á autora pola propia Erika. É un fermoso e desgarrador canto de vida e esperanza diante do horror. Conta Primo Levi que o 27 de maio de 1945 entraron no campo de concentración de Auschwitz soldados rusos a cabalo do 60º exército do primeiro fronte de Ucraína, que avanzaba ás ordes do xeneral Koniov para Silesia, en dirección a Berlín. Os soldados quedaron espantados ao ver a máis de sete mil homes, mulleres e nenos que aínda quedaban alí, esqueletos errantes de mirada perdida en medio dun silencio ensordecedor. Este maléfico campo fora erguido polos alemáns en maio de 1940 e entre 1942 e 1944 exterminouse a máis dun millón e medio de xudeus e doutras nacionalidades, entre elas case 200 galegos. A historia de Erika conmemora o 60 aniversario da liberación de Auschwitz, que se celebrou en toda Europa o pasado 27 de xaneiro. O Parlamento Europeo fixo unha declaración escrita rendendo homenaxe a todas as vítimas que perecieron a mans dos verdugos de Hitler.
Erika unicamente sabe que naceu en 1944 pero descoñece a data exacta do seu nacemento, o seu nome auténtico, o que lle puxeron os seus pais; tamén descoñece a cidade ou o país no que veu ao mundo. Non sabe se tivo irmáns, nin como se chamaba o seu pai e a súa nai, nin coñece nada da súa familia. Nada. Pero aínda que Erika ten unha historia tráxica é unha supervivente do Holocausto. Non coñece pero quere imaxinarse como deberon ser os poucos días que pasou coa súa familia, ela era un bebé, como se sentirían os seus pais ao ter que abandonar a súa casa e os seus bens, obrigados polas tropas alemás a vivir nun gueto. Pero se no gueto vivían mal, rodeados de fame e enfermidades, moito, moitísimo peor foi cando os conduciron, a milleiros de xudeus portadores todos eles dunha estrella de David no peito para ser prontamente localizados, a uns trens infectos con destino incerto. Hacinados, sedentos e famentos, transportados en vagóns para gando, Erika nada lembra, pero imaxina como a abrazaría a súa nai para protexela do fedor, os berros, o espanto que se vivía naquel comboio. Estaría o seu pai a carón dela? Tomarían ambos a terrible decisión? E Erika, deixando voar a súa imaxinación, pensa que a súa nai debeu envolvela agarimosamente cunha manta, a bicaría, a abrazaría con forza, pronunciaría o seu nome por derradeira vez con bágoas nos ollos. E executou a desgarradora decisión. Cando o tren reduciu a marcha, lanzou a Erika a unha plataforma. Isto é o que imaxina Erika. Pero o que sabe a ciencia certa é o que pasou despois. Caeu sobre a herba xunto a un paso a nivel. Non se fixo nin un rasguño. Alguén a recolleu e a entregou a unha muller para que a coidase. Esa muller púxolle unha data de nacemento e deulle un nome, alimentos, un fogar, a escola... a vida que máis de seis millóns de xudeus perderon nos campos da barbarie.
EDITA:Editorial Kalandraka