Con "Protoevanxeo do neto de Herodes", Bernardino Graña, logo dunha longa e riquísima traxectoria literaria, ofrécenos a súa primeira novela, gañadora do IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa. Faino sen ninguún tipo de acomodación, constituíndo un regreso á historia sagrada, unha reinterpretación central da biblia que parte dos evanxeos apócrifos, eludindo a ortodoxia católica, para ofrecer unha nova visión da figura de Cristo. Na novela nárrase, a través de María e Xosé como figuras centrais, o período que vai desde o momento en que María ten catorce anos, pasando polo nacemento de Xesús, até que este cumpre os doce. Unha María casada con Antíprato, fiel á figura de Israel, que milita no nacionalismo xudeu contra o Imperio romano, constitúe un dos personaxes máis singulares e atrevidos da novela.