sábado, 21 de novembro de 2009

Medallones. De Zofia Nalkowska


.
Medallones, da polaca Zofia Nalkowska, unha serie de 8 breves relatos verdadeiramente impactantes, moi turbadores, que a autora redactou en 1946 tras a súa participación na Comisión de Investigación dos Crimes Alemáns en Polonia (posteriormente renomeada como Crimes hitlerianos). Por suposto os relatos son arrepiantes, inspirados en experiencias e testemuños de sobreviventes e verdugos. Son relatos que por máis que estean escoitados nunca deixan de impresionar. Cunha prosa marcadamente xornalística, moi moderna, Zofia Nalkoskwa non se permite un só luxo na súa narración. As palabras son duras, sobrias e concisas, dunha lucidez horripilante. A obra, breve, lese de vez sen permitir un respiro e, case diría, nin un só pestañeo, cos ollos abertos ao máximo e unha inquietude muda, crecente. Todos ouvimos miles de testemuños sobre este vergoñoso período da historia do S.XX pero unha vez máis, a inmensidade do horror do xenocidio supera calquera tipo de estúpido argumento ou ridículas explicacións. Quedémonos cunha inquietante verdade expresada con claridade documental pola autora dentro do relato final "Adultos e nenos en Auschwitz":
-"Esta empresa, pensada e realizada con tanto rigor, foi obra de homes. Foron homes quen a executaron e homes quen a padeceron. Foron homes quen a outros homes depararon semellante destino. Que clase de homes?"
Importa sobre todo non esquecer estas palabras