Dossier K
Autor: Imre Kertész
Editorial Acantilado. Barcelona (2007).
207 páxs.
16 Euros.
Imre Kertész (Budapest, 1929), premio Nobel de literatura 2002, di que a orixe deste libro está nunhas conversacións gravadas co seu editor, Zoltán Hafner, nos anos 2003 e 2004. Baseándose nestas conversas, decide manter a estrutura da entrevista e escribir este libro plenamente autobiográfico. O seu interlocutor é unha especie de heterónimo que sabe demasiadas cousas sobre a vida de Kertész e que pregunta de xeito incisivo, nada compracente, levando ás veces a contraria ao seu entrevistado. Kertész explaiase sobre aspectos que abordou doutro xeito nos seus libros máis coñecidos, en especial en "Sen destino", "Fracaso" e "Diario da galera". En toda a súa obra hai unha proxección do autobiográfico, convertido en ficción novelesca pero que ten unha inmediata conexión con feitos dunha vida marcada pola experiencia de Auschwitz e polo peso dos totalitarismos, temas que abordou na súa interesante colección de ensaios "Un instante de silencio no paredón". Neste longo diálogo, Kertész fala dos temas que máis lle preocupan: a relación entre realidade e ficción, as cicatrices do Holocausto, a súa singular experiencia xudía, a súa tímida e etérea relixiosidade, a presenza do mal, a obsesión das ditaduras por aniquilar aos individuos... Estes temas de fondo son abordados ben de xeito directo ou a través das referencias á súa biografía. Kertész relata moitos episodios familiares, como a separación dos seus pais e os feitos que rodean o argumento da súa novela máis celebrada, "Sen destino", que relata en clave novelesca a súa deportación, con catorce anos, aos campos de exterminio de Auschwitz e Büchenwald. Tamén fala do seu ingreso no partido comunista húngaro e a súa posterior decepción, da triste e gris vida nun réxime totalitario, das súas inquietudes literarias, dalgunhas das lecturas que máis lle marcaron (Thomas Mann, Albert Camus, Thomas Bernhard, Platón, Schopenhauer...), o seu fracasado matrimonio, o tardío éxito literario... O libro serve de excelente complemento á súa carreira literaria, pois axuda a profundar nese obsesivo, pesimista e agónico eu, que é a materia narrativa de todas as súas inquietantes obras.
Edita: Acantilado