quinta-feira, 13 de dezembro de 2007

Sálvate Elías! de Elisabeth Brami e Bernard Jeunet


Sálvate Elías!
De Elisabeth Brami e Bernard Jeunet
Editorial Kalandraka
Fómonos sen botar a chave. Mamá choraba. Era unha mañá de xuño, pouco antes do final de curso. Eu estaba xogando ás damas con trociños de pan sobre o hule a cadros da cociña. O señor Perrier, o veciño, que era policía, chamou á porta.
"Sálvate Elías!" é un libro tanto para nenos como lectores adultos. Un libro para toda a vida, que sempre permanecerá na memoria. Un libro que os máis pequenos comprenderán aos poucos, a medida que saiban que son as guerras, os efectos que producen nas súas vítimas e a pegada que deixan na nosa historia. O protagonista deste relato ambientado en Francia é un neno xudeu de sete anos ao que os seus pais deixan ao coidado duns granxeiros para protexerlle da persecución que sofren os xudeus durante a II Guerra Mundial. Con outra identidade e unha familia postiza, Elías afronta a nenez, unha etapa da vida na que os sentimentos teñen unha forza incalculable: forza, valentía, pero tamén medo e desconfianza a que descubran a súa verdade. Elías non quere perder a esperanza de que os seus pais volvan algún día a por el. Mentres, a realidade ofrécelle a súa cara menos amable: ridiculizano no colexio, os maiores rexéitano pola súa orixe xudea e só é amable con el unha nena, que lle fai espertar emocións especiais. Elías atópase indefenso ante un mundo sen piedade, capaz de aniquilarse a si mesmo e á súa principal fonte de futuro: a infancia. O libro está dedicado a nenos que, como Elías, sobreviviron á masacre que padeceu o pobo xudeu; pero sobre todo, a aqueles que non tiveron esa sorte. Élisabeth Brami crea un relato rebosante de sensibilidade que atopa o seu complemento ideal na orixinal e laboriosa proposta artística de Jeunet, baseada nas técnicas do collage e a escultura en papel e cartón, caracterizada pola meticulosidade dos detalles e os tons sombríos, que acentúan a sensación de angustia que transmite a historia.
Edita KALANDRAKA