sábado, 12 de maio de 2007

GEOGRAFÍA LINGÜÍSTICA DEL JUDEOESPAÑOL


Por Vítor Meirinho
The Graduate Center, CUNY
Xeografía Lingüística do Xudeoespañol é unha obra extensa (cunhas 350 páxinas de texto máis outras aproximadas 200 de mapas e apéndices) na que a Aldina Quintana Rodríguez, da Universidade Hebrea de Xerusalén, fai unha detallada aproximación descritiva, tanto diatópica como diacrónica, ao xudeoespañol. Nótese que este nome, o de «xudeoespañol», fai referencia á lingua de orixe ibérico falada nos Balcáns, Grecia e Turquía, e non inclúe a haquetía, ou sexa, a lingua falada polos sefardís de Marrocos; aínda que neste libro fanse bastantes referencias contrastivas a unha e outra variedade.
A tentativa de debuxar unha xeografía lingüística do xudeoespañol é sen dúbida ambiciosa e implica varios problemas, dos que a autora é moi consciente. Faino así notar na primeira parte (sobre a metodoloxía usada e as fontes): durante o século XX o xudeoespañol foi practicamente varrido das comunidades onde se desenvolveu (tanto pola creación dos estados nacionais resultantes da fragmentación do imperio turco, como pola II Guerra Mundial, como pola creación do estado de Israel), e como ben indica Aldina Quintana, os informantes de que se ten que valer hoxe os investigadores fosen rexeitados hai un século, cando se emprenderon outros estudos descritivos que hoxe teñen un valor duplo entrementres que a súa importancia testemuñal é fundamental a partir da ruptura ou erosión acelerada da maior parte das comunidades lingüísticas xidías.
Sen embargo, a comprensión que Quintana ten deste problema respecto ás fontes, unida á erudición que a autora transparenta —non só da realidade lingüística propiamente dita senón tamén, o que é moi importante, das circunstancias históricas que a inflúen—, fai que Aldina Quintana poida salvar esta dificultade. Para iso, a autora sérvese de traballos anteriores, de entrevistas, documentos sonoros, glosarios, e dun gran número de escritos de varias épocas, tanto impresos coma manuscritos. As fontes que manexa Quintana son moi numerosas, e isto, integrado nunha intelixente comprensión sociolingüística —implícita en todo o traballo— permítelle trazar un extenso e —dentro das posibilidades— pormenorizado mapa dos varios aspectos gramaticais que son descritos en Xeografía Lingüística do Xudeoespañol.
A estrutura do libro é nitidamente esquemática: á primeira parte, introdutoria, séguelle unha segunda na que describe a variación nos niveis fonético e fonolóxico do xudeoespañol, coa descrición primeiro do sistema vogálico e despois do consonántico, analizando cada unha das variacións en cuestión (reducións, neutralizacións, cambios de articulación, etc). Séguelle un capítulo terceiro, sobre a variación morfolóxica, un cuarto sobre a variación sintáctica, un quinto sobre a variación léxica e un sexto capítulo sobre a variación semántica.
Finalmente, as conclusións fan unha interpretación xeral dos datos expostos nos capítulos precedentes. En Xeografía Lingüística do Xudeoespañol os lectores non toparán unha perspectiva metodolóxica particularmente innovadora, o que non parece ser o propósito da autora. Ao contrario, a obra adscríbese á dialectoloxía estrutural, o que probabelmente vaia en consonancia co tipo de material que se pode manexar neste caso, así como co tipo de conclusións a que se pretende chegar. O que si se notará en particular é o enorme coñecemento que se deixa ver neste libro —xa de por si grande en número de páxinas— cuxa «extensión interior» aumenta se temos en conta a profusión de datos e a concisión con que son relatados. Por iso, Xeografía Lingüística do Xudeoespañol ten un particular valor como unha excelente guía para coñecer as características e procesos históricos da lingua romance dos xudeus do Este de Europa. Máis que un libro de lectura rápida, os interesados no xudeoespañol poden topar aquí un recurso eficaz (cuxa estrutura sistemática facilita a consulta) para coñecelo na súa situación dialectal; local e temporal. Ao mesmo tempo, a obra de Aldina Quintana non deixa de ter outros valores. En particular, saliento que a súa lectura permite facerse unha boa idea de cal foi a chamada «historia externa» do xudeoespañol.
Aínda que o libro non se postule estritamente como unha «historia social» da lingua, as variacións que se describen son case sempre explicadas en relación coa historia das comunidades xudeas do Este europeo. Desta forma, Aldina ofrece un bo retrato das diferenzas entre o xudeoespañol dun lado e outro do mar Adriático en relación coa diferente recepción dos xudeus portugueses nesas comunidades; ou de como a institucionalización dos estados nacionais no século XIX transformou cualitativamente a dinámica sociolingüística dunha lingua que, se ben ate entón fora pluricéntrica dentro da súa relativa unidade, non fora tampouco influída como foi desde entón por cada unha das linguas con que estaba en contacto, ate alterar radicalmente o seu aspecto e practicamente dar conta do xudeoespañol.
Por todo isto, a utilidade de Xeografía Lingüística do Xudeoespañol é dobre: por unha parte, realiza o seu propósito de ser unha xeografía lingüística diacrónica; e polo outro é tamén un excelente recurso para entender como se formou esa xeografía lingüística.